Poesía contra a ignorancia

Imagen de albertoarmada
27
votos
DEITADO FRENTE Ó MAR… Lingua proletaria do meu pobo eu faloa porque si, porque me gusta porque me peta e quero e dame a gana porque me sae de dentro, alá do fondo dunha tristura aceda que me abrangue ó ver tantos patufos desleigados, pequenos mequetrefes sen raíces que ó pór a garabata xa non saben afirmarse no amor dos devanceiros, fala-la fala nai, a fala dos abós que temos mortos, e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos da linguaxe, remo e arado, proa e rella sempre. Eu faloa porque si, porque me gusta e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo unha historia contada noutra lingua. Non falo prós soberbios, non falo prós ruíns e poderosos, non falo prós finchados, non falo prós estupidos, non falo prós valeiros, que falo prós que aguantan rexamente mentiras e inxusticias de cotío; prós que súan e choran un pranto cotián de volvoretas, de lume e vento sobre os ollos núos. Eu non podo arredar as miñas verbas de tódolos que sufren neste mundo. E ti vives no mundo, terra miña, berce da miña estirpe, Galicia, doce mágoa das Españas, deitada rente ó mar, ise camiño…