Edutec afonda na difusión das TIC nas aulas
Publicado por albertoarmada el 4 Septiembre, 2008 - 13:42
Recollido en Galicia-Hoxe
Santiago acolle estes días o XI Congreso Internacional Edutec, cuxo obxectivo é, segundo a súa presidenta, Beatriz Cebreiro, “promover a difusión das experiencias de investigación e mellora educativa, apoiadas nas Tecnoloxías da Investigación e Comunicación (TIC)”. A presente edición de EDUTEC leva o título de “As TIC, ponte entre culturas: Iberoamérica e Europa”.
Unha mostra máis do interese polas TIC na educación.
Sen embargo, outra vez constatamos o discurso institucional desmarcado da realidade:
A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, afirmou que “a investigación na aplicación de novas tecnoloxías é crucial, explorando a necesaria relación entre educación, tecnoloxía e prosperidade económica”, e lembrou que as novas tecnoloxías “contribuíron en máis dun 50% ao incremento da produtividade da UE” Neste sentido, a conselleira apuntou que “avanzamos a gran velocidade“, xa que as aulas dos centros educativos galegos e universidades “están equipadas coas últimas innovacións tecnolóxicas“.
¿Onde están esas aulas e eses equipamentos? ¿Onde están os avances e a velocidade?
A seguir, unha resposta algo escasa pero máis realista de quen coñece máis datos:
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro, apuntou que no ámbito da docencia “non imos moi rápido” respecto dos cambios que supón as TIC, polo que “hai procesos que teñen que cambiar“. Neste sentido sinalou que “hai que ir dun modelo que se basea na linealidade discursiva do texto a un máis hipertextual”, así como pasar dun sistema “menos docéntrico e máis centrado no alumno”, ou centrarse “máis no traballo e menos na clase maxistral”.
¿Servirá para algo este XI Congreso Internacional Edutec?
Mentres a Consellería siga a basear a súa política educativa na política dos discursos e non se implique na dotación de recursos tecnolóxicos e formativos aos centros educativos galegos, estes congresos serán moi útiles para que poidamos seguir a observar o progreso que se está a producir lonxe da nosa realidade educativa galega.









